371 días
Algúns pensamentos perdidos nunha noite de luar
Xa logo acaba o vrao.
- Come máis!
- Non quero máis!
- Toma logo, que non comiches nada...
Hai veces que gañas pequenas batallas, pero de sobra sabes que a guerra está perdida. Sabías que si o desexabas con moita forza o vrao pasaría a se-lo máis corto da túa vida. Que si o miras con indiferencia, el poderá durar coma un paseo polo inferno. En calquera caso vaise... e eu era dos que te desexaban con desesperación.
O lado bon, que de agora en diante comerei o que a min me dé a gaña...!!!
Vou deixar de fumar... Voume comezar a cuidar... Mirar por min... Fumar perxudica gravemente a miña saude e a dos que están ó meu arredor... É sinxelo deixar de fumar se sabes cómo... O tabaco é depresivo. Consulta o teu médico... Fumar causa enfermedades no corazón...
Ameazan cambios na vida de Jimy. Son xa varios meses de estabilidade, o que se converte dun modo paradóxico en algo inestable. Anda Jimy rascando na cachola coa idea de facer ese viaxe interior índose ó exterior, a outro planeta. Sempre tivo medo de achegarse á fronteira de Espíritolandia, pero acaba de xurdir a posibilidade. Quizais facer algo polos demais sirva para facer algo consigo mesmo. Quizais facendo algo consigo sirva para facer algo polos demais. O visado para Espíritolandia parece máis barato que nunca e ainda ten Jimy un par de follas libres por sellar no seu pasaporte. Por primeira vez anda a sentir que non lle faltará o aire ó visitar ise outro planeta que carece tanto de cartos coma lle sobra misterio. Quizais sexa a peor idea; quizais sexa a mellor. De momento só unha idea, que non é pouco...
Xa marchou Adolfina, liberando así a mente confusa de Jimy despois de ter liberado o seu corpo. Curiosa a paixón que une e que sen embargo mantense tan distante. Bicos, caricias, cóxegas... Todas regaladas. Véndese barata a carne nos días nos que os sentimentos parecen fechados por vacacións. Pouco importa agora cantas mulleres puideron entrar na intimidade da sua cama; nada importa cantos homes posuiron a Adolfina. Esta noite só queren ser corpo. Ámbolos dous. A petición das suas almas. Ámbalas duas. Suor que se seca co asubiar da tristeza post-coitum. O soriso da sua cara recórdalle que non estivo tan mal abandoarse por unhas horas ás baixas paixóns. As arrugas do corazón lémbranlle que son moitas as horas perdidas nese abandono. Sol, fogo e lume na alcoba mentres a sua vista buscaba a Lua...